
Internacional
A universidade debe abrirse, atraendo estudantado estranxeiro, e integrándose en redes internacionais, consorcios estratéxicos e alianzas de coñecemento que permitan mellorar as nosas capacidades conxuntamente cos nosos socios dentro e fóra da Unión Europea. Para isto, debe atraer aos mellores socios na educación e na investigación, obter acreditacións que visualicen o seu recoñecemento internacional e ter unha presenza relevante, a través do seu estudantado e do seu persoal, nos campus do estranxeiro.
Para isto debemos progresar na nosa dimensión multicultural e acoller estudantes de distintas orixes, motivar ao noso estudantado e ao noso persoal para que desenvolva parte da súa carreira universitaria noutros países, impartir parte da docencia noutras linguas ademais do castelán e o galego, alcanzar o prestixio internacional pola excelencia da nosa oferta educativa e a nosa capacidade investigadora e de transferencia, e desenvolver titulacións dobres e conxuntas con universidades estranxeiras de excelencia internacional.
En definitiva, a Universidade de Vigo debe converter a cooperación e a mobilidade internacionais en elementos centrais da súa política institucional.