Enerxías renovables

Paneis solares no edificio Poliécnico do campus de Ourense


O primeiro punto clave das actuacións para mellorar a sostibilidade da Universidade de Vigo consistiu na instalación de diferentes sistemas de enerxías renovables nos tres campus.

No de Pontevedra, a primeira «actuación global» do Plan Suvi foi a instalación de placas fotovoltaicas, cunha potencia de 100 kW e de 78 kW, respectivamente, no caso das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte. A redución de emisións derivada destas actuacións corresponde a 95 toneladas de dióxido de carbono ao ano.

A esta actuación súmase a posta en funcionamento do district heating. Cunha potencia de 2 MW, esta rede de produción e de distribución de calor dálles servizo ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte e permite limitar a emisión de cerca de 245 toneladas de CO2 á atmosfera.

No campus de Ourense, a instalación fotovoltaica realizouse no Edificio Politécnico. Cunha potencia nominal de 80 kW, a redución de dióxido de carbono asociada é de 53 toneladas ao ano. Ademais, no Edificio de Ferro desenvolveuse unha instalación térmica híbrida para cubrir  gran parte da demanda enerxética do edificio e reducir 391 toneladas de CO2 ao ano. A antiga instalación empregaba dúas caldeiras de gasóleo, sete climatizadoras e dous enfriadores para a súa climatización. A instalación actual de 500 kW está formada por cinco bombas de calor auga-auga, 32 pozos de 140 m de profundidade e 4 pozos de 130 m, situados nos xardíns que rodean o edificio e tres unidades de aerotermia de  25 kW na cuberta.

No campus de Vigo, cos paneis fotovoltaicos situados no edificio do Cintecx, no CACTI, nas sedes da cidade e das Lagoas, Marcosende da Escola de Enxeñería Industrial e na Escola de Enxeñería Industrial (Sede Campus) e na Escola de Enxeñaría de Minas, conseguiuse reducir 1038 toneladas de CO2 ao ano.

Coas instalacións de enerxías renovables (fotovoltaica, de xeotermia e de biomasa) postas en marcha durante os últimos anos, a UVigo conseguiu reducir un 8,12 % a súa pegada de carbono, cun aforro anual de 1821 toneladas de emisións.

O obxectivo é continuar na senda cara á sostibilidade con novas instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para diferentes edificios do campus de Vigo (edificios Olimpia Valencia e de Ciencias Experimentais) e do campus de Ourense (edificio de Ferro), cunha redución esperada de 147 toneladas de dióxido de carbono ao ano.

Na mesma liña, planificáronse as instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para a Escola de Enxeñaría Forestal (Pontevedra), a Facultade de Dereito (Ourense) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (Vigo), así como a instalación dun inversor independente na instalación fotovoltaica do edificio do Cintexc (Vigo). A redución da pegada de carbono destas actuacións será de 75 toneladas de dióxido de carbono ao ano.

Finalmente, dentro deste proxecto, idéase instalar un aeroxerador de mediana potencia para o autoconsumo que axudaría a aforrar 89 toneladas de CO2 ao ano e fomentar a creación de pérgolas fotovoltaicas nos diferentes aparcadoiros universitarios.
 

 

Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 440
vicplan@uvigo.gal