Ciclo intensivo

É un programa deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, favorecendo un estilo de vida activo e saudable.

 

Información básica


A quen vai dirixido o ciclo intensivo?

O ciclo intensivo está dirixido a todas as persoas maiores de 55 anos que teñan o tempo suficiente para o estudo e a integración nas diversas actividades con desexos de achegar a súa experiencia, así como de participar na vida académica, sen necesidade de titulación previa.

No caso de que as prazas ofrecidas non quedasen cubertas, poderanse admitir estudantes con idades inferiores aos 55 anos, pero en ningún caso inferior a 50 anos.


Horario

As clases e as sesións de traballo do ciclo intensivo do Programa para maiores desenvolveranse polo serán, preferentemente dous ou tres días á semana, de luns a xoves.  


Prazas para o ciclo intensivo

As convocatorias anuais de matrícula establecerán o número máximo e mínimo de novos e novas estudantes que poderán ser admitidos no programa en cada un dos campus. Actualmente son 50 prazas.


Créditos e materias

O ciclo intensivo ten unha carga académica de 60 créditos ECTS, distribuídos en materias de 3 e 1,5 créditos ECTS. O alumnado poderá cursar un máximo de 15 créditos por curso académico, distribuídos en dous cuadrimestres.

As materias estarán enfocadas á divulgación de diferentes temas científico-culturais. Facilitarán a análise e a reflexión sobre aspectos relacionados con eles mesmos e outras persoas; a contorna natural, social, cultural e científico; a evolución e as achegas da humanidade; a sociedade e a cultura actual e futura. Tamén terán como obxectivo, no seu conxunto, iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado.

Tamén están orientadas a afondar nalgúns temas concretos das ensinanzas; a proporcionar formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros; a facilitar as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais; e a promover o acceso a actividades culturais e recreativas.

En ningún caso os créditos cursados no ciclo integrado poderán computarse ou validarse como créditos do ciclo intensivo.
 



Título

Unha vez superados os 60 créditos ECTS dos que se compón o ciclo intensivo, outorgarase a correspondente acreditación mediante un título propio de «titulado/a universitario en Cultura e Sociedade».

 

Tes a decisión tomada?

Matricúlate

 

Para máis información sobre o Programa universitario de maiores, podes contactar con: