Máster Universitario en Xenómica e Xenética
Características
A xenómica é unha disciplina relativamente moderna, que se desenvolve a partir dos logros da tecnoloxía do ADN recombinante e de novos métodos de secuenciación e de aproximacións bioinformáticas. Grazas a estas metodoloxías é posible realizar varridos xenómicos que permiten unha comprensión integral do organismo e dos procesos da herdanza, especialmente en caracteres complexos. A xenética e a xenómica achegan o coñecemento para o desenvolvemento de novos produtos biotecnolóxicos, novos fármacos, a mellora da saúde humana e animal, a conservación e o manexo de plantas e de animais, o control de parasitos e de microorganismos, así como a comprensión dos fenómenos evolutivos do pasado e do presente de todos os organismos vivos.
Acceso e admisión
Dentro destas ramas de coñecemento, as titulacións que dan acceso preferente son as seguintes licenciaturas, graos e enxeñarías: Medicina Veterinaria, Bioloxía, Medicina, Biotecnoloxía, Bioquímica, Psicoloxía, Farmacia, Ciencias Mariñas, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Química, Nutrición Humana e Dietética, Enxeñaría Biomédica, Enxeñaría Agrícola, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural.
Perfil de ingreso recomendado
O mestrado diríxese a persoas dinámicas, con interese na investigación científica e tecnolóxica e na formación punteira e continua, así como na transferencia de coñecemento xenético e xenómico ao sector industrial e produtivo.
O perfil de entrada será moi amplo debido á natureza transversal do mestrado, abranguendo en xeral as ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da saúde e enxeñaría e arquitectura.
Plan de estudos
O Mestrado en xenómica e xenética ten como obxectivo satisfacer a demanda de profesionais altamente cualificados para o sector xenómico e xenético, cada vez máis arraigado na nosa sociedade.
Saídas Profesionáis
Investigación en xenómica e en xenética en institutos de investigación, en consellos xenéticos en hospitais ou centros de saúde; profesorado e persoal investigador en universidades, especialistas en xenética forense, centros de diagnóstico xenético, empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas, centros de conservación da biodiversidade, centros de mellora xenética animal e vexetal.




