Benvida

Preparing to move

 

 

 

Vicerreitora de Investigación

A investigación é un dos piares fundamentais de calquera universidade de prestixio como a UVigo, constitúe a base da función formativa da universidade, o medio para o progreso da economía e a transferencia de coñecemento á sociedade.

Na Universidade de Vigo o número de investigadores que traballan nas súas aulas e laboratorios ronda os 1 500, con máis de 150 grupos de investigación de diferentes ramas de coñecemento. Grupos potentes a nivel nacional e internacional que lideran e fan da UVigo unha institución forte en canto á captación de proxectos europeos e nacionais. Con varios centros de investigación propios e interuniversitarios, especializados en Ciencias Biomédicas, Ciencias do Mar, Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais, Economía, Matemáticas, Investigación Agroalimentaria, Paisaxe, e con grupos especializados en Linguaxe e Cognición, Tradución e Interpretación, Didáctica, Deporte, Fisioterapia, entre outros, cuxas liñas de investigación contribúen ao avance e desenvolvemento experimental e tecnolóxico, á innovación aplicada ao sistema produtivo, á seguridade e saúde das persoas e á mellora de calidade de vida dos cidadáns e ao progreso da sociedade. 

O Vicerreitorado de Investigación é o encargado de deseñar as directrices que faciliten o traballo de todos os axentes e servizos implicados no avance científico e tecnolóxico, así como a promoción de proxectos e bolsas de investigación e a formalización de contratos específicos con empresas e institucións. Baixo este paraugas, ademais dos centros de investigación, atópase a Biblioteca Universitaria, o Servizo de Publicacións e outras unidades de apoio á labor investigadora como o Centro de Apoio á Investigación Científica e Tecnolóxica (CACTI), a Estación Científica Mariña de Toralla (ECIMAT) e o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), que conforman un valioso equipo de recursos humanos e materiais que apoian as actividades de investigación e transferencia, misión principal da Universidade de Vigo. 

Estamos moi orgullosos do traballo e da investigación da UVigo e agradecemos que escolleras a nosa universidade, esperamos que a túa estancia sexa moi satisfactoria e produtiva.

 
María Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación

Información xeral da universidade

A Universidade de Vigo creouse en 1990 e é unha universidade pública española situada en Galicia (noroeste de España). Conta con tres campus, o principal en Vigo, e dous máis en Pontevedra (a 30 km de Vigo) e Ourense (a 95 km de Vigo). 

A Universidade de Vigo ten como obxectivo xerar ciencia excelente, formar valores de excelencia e contribuír á sociedade. En 2020, contaba cuns 20 000 estudantes de grao e máis de 500 de posgrao, máis de 1 500 profesores e investigadores e máis de 800 membros de persoal administrativo e de apoio. 

A actividade investigadora na Universidade de Vigo apóiase en máis de 150 grupos de investigación, que en conxunto forman catro Centros de Investigación e dous Clústeres: CINBIO (Centro Biomédico), CIM (Centro Mariño), AtlanTTIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) e CINTECX (Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais); ECOBAS (Economía e Administración de Empresas para a sociedade), CITACA (Investigación Agroalimentaria). 

O potencial investigador atraeu o financiamento de máis de 400 proxectos europeos, nacionais e rexionais, recibindo 65 millóns de euros nos últimos 5 anos (2015-2019). 

A Universidade de Vigo dirixe o Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar, sumando aos 3 000 investigadores e 25 institucións de investigación mariña de España e Portugal, formando unha rede transfronteriza de investigación e coñecemento co mar como motor. 

A Universidade de Vigo tamén puxo un énfase considerable nas actividades de I+D nos últimos anos. Máis de 600 actividades de I+D ó ano confirman a forte relación da universidade con empresas, clústeres e entidades públicas da súa área de influencia, por un valor de máis de 5 millóns de euros ao ano. Así mesmo, presentáronse unhas 15 solicitudes de patentes nacionais e europeas e creáronse 4 spin-offs ao ano. 

A nosa universidade clasificouse en repetidas ocasións dentro das 100 mellores universidades do mundo de menos de 50 anos por The Times Higher Education e figura na Clasificación Académica de Shangai de Universidades do Mundo dende 2011.

A Universidade de Vigo segue a estratexia europea de Recursos Humanos de Excelencia para Investigadores (HRS4R) e os principios de contratación aberta, transparente e baseada no mérito. 
 

Máis información: 

HR Excelencia na Investigación

No 2017, a Comisión Europea (CE) concedeulle á Universidade de Vigo o premio HR Excelencia na Investigación e o Selo de Excelencia.
 
Este premio reflicte o noso compromiso de mellorar continuamente e avanzar na aliñación das nosas políticas e estratexias de recursos humanos cos 40 principios da Carta Europea do Investigador e o Código de Conducta para a Contratación de Investigadores (Carta e Código).

A Carta e Código son un conxunto de principios e requisitos xerais para os investigadores, así como para os empregadores e/ou financeiros de investigadores. A súa aplicación por parte das institucións de investigación fainas máis atractivas para os investigadores que buscan un novo empregador ou un anfitrión para o seu proxecto de investigación. 

O programa comunitario ‘Human Resources Strategy for Researchers’ apoia ás institucións de investigación e ás organizacións de financiamento na aplicación da Carta e o Código nas súas políticas e prácticas co obxectivo de contribuír á consolidación do Espazo Europeo de Investigación (EEI) unificado e aberto ao mundo, baseado nun mercado no que os investigadores, o coñecemento científico e a tecnoloxía circulen libremente.  

O Selo de Excelencia é un prestixioso respaldo destinado a apoiar aos solicitantes sobresalientes do MSCA cuxas propostas mostran un potencial excepcional pero que non poden ser financiadas co orzamento actual.

Actualmente estamos a traballar na 4ª fase do proceso de implantación da Estratexia e Plan de Acción de  RRHH 2019-2022.

Podes ver o noso progreso ata a data en Calidade aquí.

 

Carta de aceptación e rexistro

O "anfitrión" do investigador/a cubrirá os seus datos e as condicións da súa estancia nun formulario dispoñible na Secretaría virtual polo menos 30 días antes do inicio da estancia. O sistema emitirá unha carta de invitación (PDF) que se che enviará posteriormente.

Esta carta de invitación incluirá unha ligazón ou cuestionario que deberás cubrir.

 

Preparar a mudanza

Planifica a túa chegada

Debes poñerte en contacto co Vicerreitorado de Investigación (opi4@uvigo.gal) polo menos cunha semana de antelación para confirmar a túa data de chegada definitiva.

 

Aloxamento

Nas seguintes ligazóns atoparás información práctica sobre a procura de aloxamento:

 

Saúde e Benestar

Seguro médico

Como persoal investigador visitante na Universidade de Vigo, necesitarás un seguro médico. Terás que acreditar que tes un seguro antes de empezar na nosa universidade.

  • Se vés dun país da Unión Europea, podes acreditar que tes un seguro médico coa Tarxeta Sanitaria Europea (TSE). É moi recomendable que, xunto a esta, contrates un seguro médico adicional con calquera compañía, que inclúa accidentes, traslado sanitario internacional, asistencia en viaxe e repatriación en caso de accidente ou enfermidade grave.

 

  • Se vés dun país fóra da Unión Europea, deberás contratar un seguro privado internacional. A  Universidade de Vigo é unha das universidades adheridas a Oncampus, empresa especializada en seguros para a comunidade universitaria. Nesta ligazón podes consultar as súas condicións e, se che interesa, podes contratar o seguro en liña e imprimir o xustificante por escrito.

 

Apoio aos investigadores con discapacidades

Se tes unha discapacidade ou unha enfermidade crónica, podes poñerte en contacto coa Unidade de Atención a Estudantes con Necesidades Especiais en diversidade@uvigo.es. Por favor, asegúrate de especificar as túas necesidades para que se podan tomar medidas para ofrecerche a solución máis adecuada.
 

 

Protocolo COVID-19

O 2020 está a ser un ano especialmente complexo, rodeado de incerteza en todo o mundo. Confiamos en que a túa estancia poda desenvolverse con relativa normalidade, pero todo depende da evolución da pandemia. En todo caso, antes da túa chegada enviarémosche o Protocolo de Seguridade COVID19, elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da  Universidade de Vigo, para que, tras a súa lectura, te comprometas, mediante a túa firma, a cumprir as normas establecidas para minimizar o risco de contaxio.
 

Inscrición en cursos de doutoramento (Investigadores R1)

Se es investigador predoutoral, DEBES formalizar a túa matrícula na Universidade de Vigo nun programa de doutoramento concreto, baixo a modalidade de matrícula "Estancia" polo tempo de duración do mesmo.

Ao cubrir o formulario de inscrición, debes elixir un programa de doutoramento da lista despregable. Con todo, se non atopas dentro da oferta de programas de doutoramento da  Universidade de Vigo unha liña de investigación similar á que estás a traballar, podes elixir o "Curso de Doutoramento Xenérico" da Escola Internacional de Doutoramento-Eido que se atopa en primeiro lugar na lista despregable (NORMAS PARA PERSOAL INVESTIGADOR VISITANTE, Art.2)

Como non estás obrigado a xustificar o teu dereito para acceder a un curso de doutoramento, en NINGÚN caso certificaremos que realizaches un curso de doutoramento na  Universidade de Vigo. Non obstante, aínda que non estás obrigado a facelo, se optas por realizar algunha das actividades formativas, certificaremos SÓ dita actividade.
 

 

Réxime de taxas de matrícula (Investigadores R1)

As taxas de matrícula baséanse na duración da estancia:

Réxime de taxas de matrícula
Curso de doutoramento Académico completo (100%) Ata 9 meses (75%) Ata 6 meses (50%) Ata 3 meses (25%)
Taxas de matrícula 200 euros 150,00 euros 100,00 euros 50,00 euros
Taxa de xestión 28,85 euros 28,85 euros 28,85 euros 28,85 euros
Total 228,85 euros 178,85 euros 128,85 euros 78,85 euros

 

A matrícula será xestionada polo noso persoal do Servizo de Posgrao. Unha vez realizada, recibirás o documento de pago.