Acceso doutoramento

Para acceder a un programa de doutoramento do R.D. 99/2011, débese cumprir algún dos seguintes requisitos:

  • Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de Grao, ou equivalente, e de Máster Universitario, ou equivalente, sempre que se superasen, polo menos, 300 ECTS no conxunto destas dúas ensinanzas.
  • Así mesmo poderán acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:
    • Estar en posesión dun título universitario oficial español, ou doutro país integrante do Espazo Europeo de Educación Superior, que habilite para o acceso a Máster de acordo co establecido no artigo 16 do RD 1393/2007 e superar un mínimo de 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que, polo menos 60 haberán de ser de nivel de Máster.
    • Estar en posesión dun título oficial español de Graduado ou Graduada, cuxa duración, conforme a normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS. Os devanditos titulados deberán cursar con carácter obrigatorio os complementos de formación requiridos polo programa, agás que o plan de estudos do correspondente título de grao inclúa créditos de formación en investigación equivalentes en valor formativo aos créditos en investigación procedentes de estudos de Máster.
    • Os/As titulados/as universitarios/as que, previa obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superen con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en Ciencias da Saúde.
    • Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros, sen necesidade da súa homologación, previa comprobación pola universidade de que este acredita un nivel de formación equivalente ao do título oficial español de Máster Universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión o/a interesado/a nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso a ensinos de Doutoramento.
    • Estar en posesión doutro título español de Doutor/Doutora obtido conforme a anteriores ordenacións universitarias.
    • Estar en posesión dun título universitario oficial que obtivera a correspondencia ao nivel 3 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES). Pódense consultar as correspondencias dende a páxina web con información da matrícula de doutoramento http:// posgrao.uvigo.es.
  • Poderán acceder aos estudos de doutoramento os/as Licenciados/Licenciadas, Arquitectos/Arquitectas ou Enxeñeiros/Enxeñeiras que estivesen en posesión do Diploma de Estudos Avanzados obtido de acordo co disposto no Real Decreto 778/1998, de 30 de abril, ou alcanzasen a suficiencia investigadora regulada no Real Decreto 185/1985, de 23 de xaneiro.