Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte
Características
O Mestrado en xestión empresarial do deporte está entre os 20 mellores da clasificación mundial de mestrados en xestión deportiva elaborada por Sport Business International. É o único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia e un dos poucos de España. Proporciona a formación académica e práctica necesaria para a profesionalización na xestión do deporte. Diríxese a persoas tituladas universitarias que persigan adquirir competencias e coñecementos na área da xestión empresarial e económica das instalacións deportivas, clubs e equipos, entidades deportivas públicas e privadas, así como en eventos deportivos.
Acceso e admisión
O requisito principal é ter unha titulación universitaria (diplomatura, licenciatura, enxeñaría, enxeñaría técnica, arquitectura, arquitectura técnica ou grao). Reservarase o 80 % das prazas para as persoas licenciadas ou graduadas en ADE ou en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Valoraranse tamén os seguintes aspectos:
- Expediente académico (50 %)
- Experiencia profesional (20 %)
- Estancias no estranxeiro (10 %)
- Coñecemento de idiomas (10 %)
- Outros méritos (10 %)
Obxectivos xerais da titulación
Obxectivos xerais:
- Capacitar o alumnado para a administración e a xestión de todo tipo de entidades ou organizacións deportivas.
- Promover o contacto directo co sector deportivo.
- Ofrecer unha visión integrada dos diferentes subsistemas que conforman o sistema de organización/empresa no sector deportivo.
- Coñecer e comprender a evolución do deporte desde o seu compoñente económico/empresarial.
Obxectivos específicos:
- Especializarse na xestión empresarial no sector deportivo, tanto na súa vertente pública como privada.
- Comprender a importancia da dirección deportiva e o seu amplo abano de ocupacións: clubs deportivos, federacións, ximnasios, instalacións deportivas, xuntas deportivas, empresas privadas, administracións públicas etc.
- Ofrecerlles aos e ás profesionais da xestión deportiva novos métodos de traballo aplicables á súa actividade laboral.
- Aproveitar os novos retos que ofrecen os grandes eventos deportivos como acontecementos globais.




