Máster Universitario en Dirección de Arte en Publicidade

Ciencias Sociais e Xurídicas
Campus de Pontevedra

Características

Modalidade
Presencial
Créditos ECTS totais
60
Número de cursos
1
Prazas
30
Código
P04M082V11

O Mestrado en dirección de arte en publicidade ofrece unha formación especializada orientada a proporcionar unha visión profesional do deseño gráfico e da creatividade aplicada ao proceso publicitario.

Trátase dun programa de posgrao cun enfoque eminentemente práctico, concibido para dotar ao estudantado das competencias necesarias que faciliten a súa incorporación a departamentos de arte, permitíndolles participar de maneira activa no desenvolvemento de procesos creativos.

Así mesmo, o carácter obrigatorio das prácticas externas favorece a adquisición dunha perspectiva integral e profesional da contorna laboral, contribuíndo a unha mellor comprensión do sector no que desenvolverán a súa actividade profesional.
 
 

Acceso e admisión

O órgano de admisión é a comisión académica do mestrado (a súa composición e cargos pódense consultar na web da titulación).

En canto aos criterios de valoración de méritos do potencial alumnado, estableceuse un baremo sobre 100 puntos de acordo cos seguintes requisitos:

  • Titulados/as en Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Belas Artes: 30 puntos
  • Titulados/as en Xornalismo, Historia da arte e titulacións das Ciencias Sociais: 10 puntos
  • Resto de titulacións: 0 puntos
  • Expediente académico: ata 30 puntos.
  • Currículum vítae profesional: ata 20 puntos.
  • Portafolio cos traballos máis representativos na traxectoria das persoas aspirantes: ata 20 puntos.

O número mínimo de estudantes será de 20 e o máximo 30.

Mestrado 100 % presencial. Non se admitirá matrícula a tempo parcial nestes estudos.
 

Obxectivos xerais da titulación

  • Dominar os coñecementos e as ferramentas necesarias para o desempeño competente, autónomo ou colaborativo de actividades profesionais relacionadas coa creatividade publicitaria.
  • Ser capaz de construír e planificar discursos propios da comunicación publicitaria para desenvolver campañas, adaptando as estratexias e as mensaxes aos obxectivos establecidos e aos diferentes públicos.
  • Fomentar a capacidade analítica, crítica e reflexiva en relación coa creatividade publicitaria, con coñecementos teóricos, técnicos e estéticos sobre as orixes, o panorama actual e as novas tendencias da dirección artística en publicidade.
  • Coñecer a historia e as diferentes teorías do deseño e a creatividade publicitaria.
  • Ser capaz de identificar novas tendencias relacionadas coa publicidade e a comunicación mediante o uso de ferramentas e bases de datos específicas.
  • Coñecer as técnicas e os procesos creativos da publicidade, tanto na teoría como na práctica, identificando os recursos, elementos e métodos empregados.
  • Posuír a capacidade teórica e práctica para a creación, elaboración e desenvolvemento dun orixinal publicitario no marco dunha estratexia corporativa global, adaptándoo ás necesidades creativas e de produción de cada unha das canles de difusión.
  • Ter coñecementos básicos para situar a actividade publicitaria nun contexto de competencia local, nacional e internacional, destacando a importancia das técnicas creativas como activo diferenciador na publicidade.
  • Ser capaz de crear e desenvolver ideas de proxectos publicitarios que se adapten a posibles cambios ou novos contornos de mercado.
  • Ser capaz de concibir e deseñar mensaxes creativas eficaces dentro dunha estratexia publicitaria, orientada a diferentes medios e soportes, segundo os públicos establecidos.
  • Ser capaz de producir mensaxes creativas eficaces dentro dunha estratexia publicitaria.
  • Ser capaz de redactar textos publicitarios con fluidez e axeitadamente ás necesidades creativas da mensaxe, aplicando as características da linguaxe publicitaria.
  • Practicar a autoavaliación crítica dos resultados, valorando a importancia de corrixir os erros cometidos no proceso creativo.
  • Ter a capacidade de organizar e programar tarefas, cumprindo os prazos para as entregas orixinais segundo unha estratexia publicitaria específica.
  • Ser capaz de crear e desenvolver marcas persoais, adaptándoas a diferentes medios e formatos.
  • Coñecer as técnicas para o desenvolvemento de proxectos multimedia interactivos.
     

Plan de estudos

Preinscrición e matrícula

Contacto

Coordinación do título

Julinda Molares Cardoso