Máster Universitario en Mecatrónica

Enxeñaría e Arquitectura
Campus de Vigo

Características

Modalidade
Presencial
Créditos ECTS totais
60
Número de cursos
1
Prazas
30
Código
V04M093V01

O Mestrado universitario en mecatrónica da Universidade de Vigo ofrece unha formación avanzada no deseño, integración e control de sistemas intelixentes que combinan mecánica, electrónica, informática e control automático. Trátase dunha titulación multidisciplinar orientada a preparar profesionais capaces de liderar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras en sectores como a automatización industrial, a robótica, a automoción ou a fabricación avanzada.

O programa proporciónalle ao estudantado unha sólida base científica e técnica, xunto con habilidades prácticas en simulación, deseño de sistemas embebidos, sensores e actuadores, e control de procesos. A través de proxectos, prácticas en empresa e traballo colaborativo, poténciase a capacidade de afrontar problemas complexos cunha visión integral e orientada á innovación.

Dirixido a titulados/as en Enxeñaría e disciplinas afíns, o mestrado configúrase como unha vía de especialización altamente demandada no ámbito industrial, así como unha porta de entrada á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Acceso e admisión

Para avaliar o nivel de competencias e coñecementos previos, establecerase unha escala de puntuación para os seguintes aspectos, que cada candidatura acumulará segundo o seu perfil:
1)Cualificacións previas do candidato/a: ata un máximo de 40 puntos, coa seguinte orde de preferencia:
- Enxeñeiro/a Industrial ou Mestrado en enxeñería industrial con especialización en Automatización e electrónica ou enxeñeiro/a Industrial con especialización en Enxeñería mecánica.
- Outros enxeñeiros/as Industriais e Mestrado en enxeñaría industrial.
- Enxeñeiros/as técnicos industriais ou titulados/as no campo da enxeñaría industrial, de calquera especialidade.
- Outras titulacións que inclúan no seu programa académico un número de créditos equivalente a calquera das titulacións anteriores nas seguintes áreas de coñecemento: automatización, mecánica, electrónica e informática, así como fundamentos físicos (electricidade e mecánica) e fundamentos matemáticos.
2) Expediente académico: ata un máximo de 20 puntos.
3) Experiencia profesional no campo da mecatrónica (automatización, mecánica, electrónica): ata un máximo de 30 puntos.
4) Outros méritos do currículo: ata un máximo de 5 puntos.
5) Entrevista persoal: ata un máximo de 5 puntos.

Perfil de ingreso recomendado

O mestrado está dirixido a estudantes con formación no campo da enxeñaría industrial, interesados en afondar, actualizar e completar os seus coñecementos para formarse como profesionais capaces de abordar o deseño integral de maquinaria automatizada e sistemas e equipos intelixentes.

O perfil recomendado é:

  • Enxeñeiras/os Industriais (todas as orientacións)
  • Enxeñeiras/os en Automática e Electrónica Industrial
  • Enxeñeiras/os Técnico Industrial
  • Graos do ámbito da enxeñaría industrial
     

Obxectivos xerais da titulación

O Mestrado universitario en mecatrónica da Universidade de Vigo ten como finalidade formar profesionais cunha visión integral dos sistemas mecatrónicos, capaces de afrontar os retos tecnolóxicos da industria moderna.

Os seus principais obxectivos son:

  • Proporcionar unha formación avanzada e multidisciplinar en mecánica, electrónica, informática industrial e sistemas de control, piares fundamentais da mecatrónica.
  • Preparar ao estudantado para deseñar, desenvolver e integrar sistemas intelixentes, automatizados e adaptativos en distintas contornas industriais e tecnolóxicas.
  • Desenvolver habilidades no uso de ferramentas de simulación, modelado e prototipado, aplicadas á resolución de problemas reais de enxeñería.
  • Fomentar a capacidade de innovación, investigación aplicada e aprendizaxe autónoma, esenciais para adaptarse a unha contorna tecnolóxica en constante evolución.
  • Impulsar a colaboración interdisciplinar, o traballo en equipo e a xestión de proxectos técnicos en contornas profesionais e internacionais.
  • Favorecer a inserción laboral e a relación co tecido industrial, mediante prácticas, colaboración con empresas e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos orientados ao mercado.
     

Plan de estudos

Saídas profesionais

O Mestrado universitario en mecatrónica capacita os seus titulados/as para integrarse nun amplo abano de sectores industriais onde a automatización, a robótica e os sistemas intelixentes desempeñan un papel clave. Grazas ao seu enfoque multidisciplinar, os egresados poderán desempeñar funcións técnicas, de desenvolvemento e xestión en contornas altamente innovadoras.

Entre as principais saídas profesionais atópanse:

  • Enxeñaría de automatización e control industrial
  • Deseño e desenvolvemento de maquinaria intelixente e produtos mecatrónicos
  • Robótica industrial e colaborativa
  • Sistemas embebidos e electrónica aplicada
  • Mantemento preditivo e sistemas ciberfísicos
  • Integración de tecnoloxías na Industria 4.0
  • I+D+i en centros tecnolóxicos e departamentos de innovación empresarial
  • Consultoría tecnolóxica e xestión de proxectos técnicos

Ademais, o mestrado ofrece unha sólida base para quen desexe continuar a súa carreira académica ou investigadora a través de estudos de doutoramento en enxeñaría ou campos afíns.
 

Preinscrición e matrícula

Contacto

Coordinación do título

José Ignacio Armesto Quiroga