En Pontevedra

Exposicións e coleccións no campus de Pontevedra

Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes é o espazo de cultura do campus de Pontevedra. Trátase dunha sala para a difusión, a arte e a creación que poderás atopar na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na rúa da Maestranza, 2.

Esta sala púxose en funcionamento co obxectivo primordial de establecer pontes entre a creación, a investigación e o pensamento arredor do feito artístico que se xera na Universidade de Vigo, do eido profesional da arte e da sociedade en xeral. 


Arboreto do campus de Pontevedra

O Arboreto é o conxunto de máis de 350 árbores presentes no campus da Xunqueira, pertencentes a 54 especies e 28 familias. Conta desde 2019 coa súa propia ruta, un percorrido de preto de dous quilómetros que permite ir contemplando amieiros, freixos, bidueiros, magnolios, castiñeiros ou acivros, á vez que se obtén maior información dos diferentes exemplares, que se atopan xeolocalizados nunha base de datos.


Xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal

A colección de madeiras da Escola de Enxeñaría Forestal comezouse a construír en 2014. Grazas ás doazóns de empresas, institucións e particulares, hoxe reúne máis de 400 táboas de madeira, pertencentes a máis dun centenar de especies arbóreas.

A xiloteca inclúe tamén unha serie de mostras de derivados da madeira e de produtos de uso enerxético derivados deste recurso natural, así como unha serie de pezas especiais, como un anaco de piñeiro da Mata Nacional de Leiría, que ardeu practicamente por completo nos graves incendios forestais que afectaron este distrito portugués en outubro de 2017, ou unha serie de 40 madeiras procedentes do departamento peruano de Ucayali doadas por tres estudantes da escola.


Aparatos audiovisuais da Facultade de Comunicación

 

Máis información:

Sección de Extensión Universitaria
Campus de Pontevedra
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal