O concerto de Nadal
O Concerto de Nadal 2025 terá lugar no Teatro Afundación (rúa de Policarpo Sanz, núm. 13, 36202 Vigo) o martes 9 de decembro, ás 20.30 h, co seguinte programa:

Orquesta Clásica de Vigo
Programa
Concerto para marimba e cordas, de E. Séjourné
Sinfonía núm. 75 en Re maior, Hob. I:88, de F. J. Haydn
I. Grave-Presto
II. Andante con variazioni: Poco adagio
III. Menuetto: Allegretto-Trío
IV. Finale: Vivace
Solista: Álvaro Jurado
Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Duración aproximada: 60 min
Biografías
Álvaro Jurado, solista
Álvaro Jurado é un percusionista versátil que combina interpretación, investigación e docencia cunha visión aberta e creativa da música. Nos seus concertos, o son dialoga coa imaxe e coa palabra creando experiencias que transcenden o puramente musical.
Formado no Conservatorio Superior de Vigo, ampliou os seus estudos no Centro Superior Katarina Gurska, na Universidade Internacional de Valencia e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.
Actuou como solista xunto á Real Filharmonía de Galicia no Festival Internacional Peregrinos Musicais, ademais de colaborar con agrupacións como a Orquesta Nacional de España, a Orquesta Ciudad de Granada ou a Orquesta de Córdoba. A súa traxectoria internacional inclúe actuacións en Luxemburgo, Portugal, Francia e Países Baixos, así como proxectos de música contemporánea co grupo Neopercusión en festivais como Música en Segura. Galardoado co concurso Acordes de Caja Madrid, o Premio Honorífico David Russell e o Premio á Excelencia Musical da Xunta de Galicia, estreou en España obras de compositores neerlandeses e estadounidenses, co que consolidou unha identidade comprometida coa creación actual.
O seu primeiro disco, Memento Vivere, foi eloxiado pola revista Codalario polo seu «virtuosismo e calidade interpretativa», destacando a Álvaro Jurado como «expoñente dunha nova xeración de intérpretes europeos». Actualmente é profesor no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, coordinador artístico do Festival Internacional de Percusión de Almería (FIPAL) e director asociado da empresa cultural Dos Acordes.
Manuel Martínez Álvarez-Nava, director titular e artístico
Naceu en Oviedo en 1957. Discípulo de Alfonso Ordieres Rivero, estuda violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias. Posteriormente, amplía os seus estudos de viola con Enrique Santiago. Estuda dirección de orquestra con Jacques Bodmer, discípulo do lendario Hermann Scherchen. Foi profesor violista da Orquesta Sinfónica de Asturias «Angel-Muñiz Toca» entre 1977 e 1983. Foi fundador, solista e concertino da Orquesta Universitaria de Oviedo, da que tamén foi director adxunto. De 1983 a 2023 foi catedrático de Violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Recentemente foi director convidado en cidades como L’Aquila, Viana do Castelo, Trento ou Hamburgo. É o director titular da Orquesta Clásica de Vigo desde a súa creación en 1984.
Orquesta Clásica de Vigo
A Orquesta Clásica de Vigo, decana de Galicia, é unha formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Nos corenta anos de historia da entidade, as obras interpretadas superan as cincocentas, e isto é un exemplo de aposta pola diversidade na música. Nos últimos anos realizou propostas de danza, cinema en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. Polos seus atrís pasaron máis de 800 instrumentistas de toda Galicia, con máis de 160 solistas. A Orquesta Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se entende como unha oportunidade para explorar a riqueza do patrimonio musical e atraer públicos distintos aos da música clásica tradicional.
Para máis información, podes contactar con:
Campus de Vigo
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal
Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal
Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal





