Teatro e danza
Interpretación, dirección, guión, danza... a arte dramática está na Universidade de Vigo
Para profundar na formación integral do alumnado e dentro da nosa aposta cultural, a Universidade de Vigo conta con instalacións como o teatro da cidade universitaria e iniciativas consolidadas como a Aula de Teatro de Vigo e de Ourense, que son as encargadas de programar a formación teatral ao longo do curso académico e de organizar a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario) nos dous campus. No campus de Ourense, a universidade conta cunha aula de danza contemporánea que ofrece formación neste campo a todas persoas interesadas.
Campus de Ourense
Aula de danza contemporánea
Os espazos de danza universitarios foron aparecendo nos anos 90 ao longo da xeografía española para achegar a danza aos membros da comunidade universitaria, creando pontes e relacións a través dos profesionais da danza.
Os seus obxectivos diríxense tanto á investigación, como a creación, a aprendizaxe, o fomento de públicos para a danza e o uso da danza como ferramenta comunitaria, social e educativa. Son espazos que favorecen a comunicación con outras universidades, a creación de redes de intercambio e de exhibicións con outros espazos de danza universitaria, a cohesión entre os distintos colectivos que conforman a comunidade universitaria e a súa apertura á cidadanía.
A aula de danza contemporánea está dirixida por Nuria Sotelo, bailarina e coreógrafa, compoñente habitual do elenco de Matarile Teatro e colaboradora puntual doutras compañías como Sarabela Teatro, Aporia Teatro etc.
Aula de teatro universitario
A aula de teatro universitario de Ourense naceu no ano 1991 baixo a dirección da Compañía de Teatro Sarabela e está dentro dos cursos de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Ao longo do ano académico a aula de teatro realiza cursos de formación teatral en diversas disciplinas. Está estruturada en tres niveis formativos: Rosaura, Cordelia e Maricastaña, cada un deles cunha duración dun ano académico. Ofértase, ademais unha aula de teatro infantil, teatro protagonizado por adultos e dirixido a nenas e nenos.
Dende a aula de teatro organízase a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) así como ciclos de conferencias, coloquios, accións teatrais…
Sarabela está conformada por profesionais da dirección teatral, actrices e actores, persoal técnico, así como por especialistas en pedagoxía, filoloxía e persoas tituladas en arte dramática. A formación actoral nas máis variadas disciplinas é o paso previo á realización de montaxes. Na actualidade, o equipo docente está conformado por compoñentes de Sarabela ao que cada ano se suman conferenciantes e docentes de fóra da compañía.
Campus de Pontevedra
Obradoiro de teatro
Este obradoiro permite que tanto o alumnado universitario como calquera persoa interesada participe na totalidade do proceso de creación teatral, desde a selección e a lectura do texto ata a representación diante dun público. Pretende fortalecer a lectura de textos teatrais, a expresión, o coñecemento dos distintos roles nun espectáculo, fomentar a asistencia a función e impulsar o traballo en equipo.
A metodoloxía seguida é eminenetemente práctica e inclúe as seguintes actividades:
- Exercicios preparatorios: relación entre actores e actrices, relación co público e posta a punto corporal e vocal.
- Lectura e comprensión do texto teatral: análise das situacións e dos personaxes e obxectivos dos personaxes e da obra.
- Encarnación do personaxe: externo e interno, busca da voz e da pose corporal, subtexto e ritmo interno do personaxe e ritmo externo das accións.
- A montaxe teatral: improvisacións sobre as escenas, relación e indicacións sobre a interpretación.
O responsable desta actividade é Salvador del Río, actor e director de Teatro de Ningures.
Para calquera dúbida ou para inscribirse no obradoiro:
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra
+34 986 802 080
vic.pon@uvigo.gal
Grupo de teatro
O grupo de teatro do campus de Pontevedra nace como continuidade da Aula de teatro, que leva anos ofrecendo formación en artes escénicas. A súa creación responde ao desexo de consolidar unha agrupación teatral estable, que traballe ao longo do curso académico na preparación de montaxes teatrais, especialmente para eventos como a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (MITEU). Os seus obxectivos son a formación integral, a montaxe de obras, o fomento da creatividade, a expresión corporal e oral e a apertura a novos membros.
O grupo reúnese na Facultade de Belas Artes, no campus de Pontevedra e está dirixido por Jesús Salvador del Río, actor e responsable da compañía Teatro de Ningures. Entre outras, desenvolve as seguintes actividades: exercicios de preparación corporal e vocal, lectura e análise de textos teatrais, creación de personaxes e posta en escena, e representacións públicas en festivais e eventos culturais.
A participación está aberta a estudantes e a persoas externas, con ou sen experiencia previa, e adoita comezar cun obradoiro formativo no primeiro cuadrimestre.
Campus de Vigo
Aula de teatro
A aula de teatro en Vigo conta con dous obradoiros de formación, un no primeiro cuadrimestre, en que se oferta un obradoiro de iniciación ao teatro onde as persoas asistentes aprenden os rudimentos básicos do teatro (traballo de corpo, voz, improvisación…). No segundo cuadrimestre, o obradoiro de posta en escena prepara a obra elixida para ser estreada e mostrada na MITEU e noutros escenarios.
Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU)
A Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) é a culminación da actividade das aulas de teatro universitaria de Ourense, Pontevedra e Vigo, así como un factor dunha intervención social e cultural de grande importancia. A MITEU trata de potenciar o intercambio artístico e humano entre actrices, actores universitarios e profesionais de Galicia, da península Ibérica e de fóra dela. Na MITEU, ao remate das funcións, establécese un coloquio sobre a obra e sobre os procesos de ensaios e as distintas xestións dos grupos universitarios. Este coloquio, cos anos e co incremento das representacións, foise transformando nun punto de encontro ao remate das funcións onde coinciden compañías e o público.
Co paso dos anos e das edicións, a MITEU foise transformándose nun conglomerado cultural cun núcleo de teatro universitario pero cun incremento considerable na programación de teatro profesional unido a concertos, exposicións, conferencias, encontros, cursos, animacións…
Para máis información, podes contactar con:
Campus de Vigo
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal
Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal
Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal




