Chotokoeu

Música


A aposta polo talento musical, pola aprendizaxe e o perfeccionamento e pola difusión están presentes no noso día a día. A música é unha das expresións artísticas máis precisas coas que o ser humano pode transmitir os seus sentimentos e sensacións. 

A Universidade de Vigo conta cun local de ensaio, o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, totalmente de balde e equipado con todos os aparellos necesarios para que as bandas ou solistas emerxentes poidan desenvolver o seu propio proxecto musical. 

No ano 2006 arrincou o local de ensaio, da man do programa Ensaiamos, posto en marcha pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, co obxectivo de ofrecer aos grupos emerxentes da comunidade universitaria un local de ensaio e parte do equipo de son. 
Buscamos achegar á comunidade universitaria un servizo de apoio a iniciativas musicais, incluído o aliciente de ser un dos proxectos elixidos para participar no concerto Ensaiamos Colleita, unha cita xa clásica na programación cultural universitaria da primavera e na que o mellor grupo ve recompensado o seu traballo coa gravación dunha maqueta.

Para os seus ensaios, os grupos poderán contar cun equipamento básico que comprende unha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas de dez canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, así como dous altofalantes autoamplificados de 300w, catro micrófonos cos seus respectivos soportes e cabreado básico.

O único requisito para participar no programa é, no caso dos solistas, pertencer á comunidade universitaria (alumnado, profesorado ou persoal de administración e servizos) e, no caso das bandas, que cando menos dous dos integrantes do grupo pertenzan a este colectivo ou tres no caso de ser un grupo de cinco ou máis compoñentes. Despois, cada grupo deberá designar un responsable como elemento de comunicación e coordinación co dinamizador do servizo, que ademais velará polo cumprimento das normas e de boa conduta no desenvolvemento da actividade.

 

 

Os contidos desta páxina xestiónaos