Ensaiamos

A Universidade de Vigo conta cun local de ensaio, o Teatro Vidal Bolaño da cidade universitaria, totalmente de balde e equipado con todos os aparellos necesarios para que as bandas ou solistas emerxentes poidan desenvolver o seu propio proxecto musical.

No ano 2006 arrincou o local de ensaio co obxectivo de ofrecer aos grupos emerxentes da comunidade universitaria un local de ensaio e parte do equipo de son.

Buscamos achegar á comunidade universitaria un servizo de apoio a iniciativas musicais, incluído o aliciente de ser un dos proxectos elixidos para participar no concerto Ensaiamos Colleita, unha cita xa clásica na programación cultural universitaria da primavera e na que o mellor grupo ve recompensado o seu traballo coa gravación dunha maqueta.

Para os seus ensaios, os grupos poderán contar cun equipamento básico que comprende unha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas de dez canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, así como dous altofalantes autoamplificados de 300w, catro micrófonos cos seus respectivos soportes e cabreado básico.

O único requisito para participar no programa é, no caso dos solistas, pertencer á comunidade universitaria (alumnado, profesorado ou persoal de administración e servizos) e, no caso das bandas, que cando menos dous dos integrantes do grupo pertenzan a este colectivo ou tres no caso de ser un grupo de cinco ou máis compoñentes. Despois, cada grupo deberá designar un responsable como elemento de comunicación e coordinación co dinamizador do servizo, que ademais velará polo cumprimento das normas e de boa conduta no desenvolvemento da actividade.

O Festival Ensaiamos Colleita 2019 terá lugar o 29 de abril, ás 17.30 h, no Teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo. No transcurso do concerto, no que actuarán Cayetana, Spleen e Veintisiete, elixirase a banda gañadora que terá a posibilidade de gravar unha maqueta.

Para máis información, podes contactar con:

Campus de Vigo
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.es

Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade
+34 988 387 102
+34 988 387 089
asc-ou@uvigo.es

Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade
+34 986 801 949
+34 986 801 955
asc-po@uvigo.es