Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos
Características
O Mestrado en dificultades de aprendizaxe e procesos cognitivos é unha vía de especialización na investigación psicoeducativa. Complementa a formación recibida nas titulacións que habilitan para o desempeño de labores docentes, de orientación e intervención psicopedaxógica. A formación ofrecida permite profundar no estudo, explicación, identificación e intervención nas dificultades de aprendizaxe e no deseño de sistemas de mellora que contribúan a optimizar a aprendizaxe do alumnado en idade escolar. Esta titulación pretende mellorar as competencias dos profesionais do ámbito educativo formal para realizar de maneira máis efectiva a súa actividade profesional.
Acceso e admisión
Criterios de admisión
- Graduadas/os en Educación Primaria e Infantil (10 prazas)
- Titulada/os en Psicopedagoxía, Psicoloxía, Pedagoxía (5 prazas)
- Mestre/a especialista en Educación Especial, Audición e Linguaxe, Educación Infantil, Educación Primaria, Linguas Estranxeiras, Educación Física e Educación Musical (5 prazas)
- Mestres/as de ensino secundario, primaria e infantil en activo (3 prazas)
- Estranxeiros/as alleos ao EEES de titulación equivalente a Psicoloxía ou Psicopedagoxía (1 praza)
- Persoas con discapacidade (1 praza)
NOTA: As prazas que queden libres nun rango poderán ser ocupadas por solicitantes doutros rangos seguindo a orde anterior.
Así mesmo, terase en conta como requisitos de admisión e/ou criterios de valoración de méritos os seguintes:
- Nota media do expediente académico dos graduados/as en Educación Primaria e Infantil, titulados/as en Psicopedagoxía, Psicoloxía, Pedagoxía, mestre/a especialista en Educación Especial, Audición e Linguaxe, Educación Infantil e Primaria, Linguas Estranxeiras, Educación Física e Musical. O mesmo para os estranxeiros alleos ao EEES
- Independentemente da titulación de acceso, anos de servizo para os mestres de ensino secundario, primaria e infantil en activo
Perfil de ingreso recomendado
- Diplomada/o, licenciada/o ou graduada/o nunha titulación do ámbito da educación ou experiencia profesional no ámbito educativo
- Competencias previas relacionadas co ámbito de coñecemento da psicoloxía e a educación
- Interese pola investigación e pola realización da tese de doutoramento
- Coñecementos de inglés
- Coñecementos de TIC a nivel de usuario
- Disposición para o traballo en equipo
- Capacidade para o compromiso social e ético
Obxectivos xerais da titulación
Obxectivos xerais:
- Adquirir unha formación avanzada, especializada e multidisciplinar, orientada a comprender o estado actual da investigación no campo das dificultades de aprendizaxe, o rendemento académico e os procesos cognitivos.
- Coñecer e aplicar métodos e técnicas cualitativas e cuantitativas para o inicio de tarefas de investigación neste campo de coñecemento.
Obxectivos específicos:
- Comprender e analizar sistematicamente o funcionamento dos procesos cognitivos, as súas implicacións nas dificultades de aprendizaxe e no rendemento académico.
- Aplicar procedementos de avaliación cognitiva, interpretar as súas puntuacións e derivar sistemas de intervención en función das necesidades detectadas e dos contextos.
- Dominar habilidades e métodos de investigación no campo das dificultades de aprendizaxe e os procesos cognitivos.
- Deseñar, planificar e levar a cabo investigacións para contribuír científicamente ao avance do coñecemento neste campo.
- Analizar criticamente, avaliar e sintetizar novas propostas de explicación, avaliación e intervención nas dificultades de aprendizaxe escolar.
- Divulgar os resultados tanto no ámbito académico como na sociedade no seu conxunto.
Plan de estudos
Saídas profesionais
Segundo os criterios fixados pola comisión autonómica de habilitacións de Galicia, o título oficial de Mestrado en dificultades de aprendizaxe e procesos cognitivos habilita para impartir docencia na especialidade de Pedagoxía terapéutica nos centros privados as persoas que posúan os títulos de graduado/a en Educación Primaria, mestre/a, diplomado/a en EXB ou mestre/a de primeiro ensino sen mención ou especialidade.




