Enxeñaría química
Equipo de goberno
Director/a
Secretario/a
Localización
Código do departamento
Titulacións
Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental
Características
Título de mestrado único no sistema universitario de Galicia. Ten como obxectivo proporcionar as bases para a formación de investigadores/as que leven a cabo as súas actividades de I+D nos distintos elos da cadea alimentaria, dende unha xestión axeitada e conservación dos recursos naturais e o medio ambiente (orixe das materias primas) ata os últimos avances no procesamento e a biotecnoloxía, incluíndo a calidade e a seguridade dos alimentos. Garante unha formación integral e multidisciplinar que lles permite ás persoas tituladas desenvolver e implementar novas tecnoloxías no sector agroalimentario, así como desenvolver novos produtos e mellorar o valor dos que existen actualmente no mercado.
Acceso e admisión
O criterio preferente de valoración de acceso, no caso de que o número de solicitudes supere ao número de prazas ofertadas, sería:
- Nota media do expediente académico dos solicitantes dividida pola media ponderada da titulación.
- No caso de igualdade de puntos do apartado anterior, adecuación da titulación que dá acceso. Entre as titulacións preferentes podemos destacar a graduados/as, diplomados/as, licenciados/as e enxeñeiros/as dos ámbitos científico (Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Química, Bioloxía e Ciencias do Mar), tecnolóxico (Enxeñaría Agraria, Química e Industrial) e de ciencias da saúde (Nutrición Humana e Dietética, Farmacia, Veterinaria e Medicina, entre as máis habituais).
- De ser necesario, a comisión académica do mestrado realizará entrevistas persoais.
Perfil de ingreso recomendado
Priorizaranse as seguintes titulacións ou circunstancias:
- Titulados/as en ciencias: Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Química, Bioloxía, Ciencias do Mar e Ciencias Ambientais
- Titulados/as en tecnoloxías: Enxeñaría Agrícola, Química e Industrial
- Titulados/as en ciencias da saúde: Nutrición Humana e Dietética, Farmacia, Veterinaria e Medicina
- Outros titulados/as que a comisión académica do mestrado considere que poidan ter acceso a esta formación a partir da avaliación do seu expediente académico
Ademais de cumprir os requisitos necesarios para a súa admisión, valorarase positivamente que o estudantado cumpra as seguintes competencias transversais:
- Capacidade de aprendizaxe
- Capacidade de adaptación aos cambios
- Actitude positiva
- Capacidade de asumir responsabilidades
- Capacidade de comunicación oral e escrita
- Capacidade de planificación, coordinación e organización
- Capacidade de resolución de conflitos e problemas
- Capacidade de traballo en equipo
- Capacidade de análise
- Capacidade de traballo independente
Obxectivos xerais da titulación
O obxectivo principal do mestrado é a formación de especialistas para o desenvolvemento da investigación e o asesoramento técnico, tanto en organismos públicos como en empresas, en cuestións relativas ao sector ambiental, o sistema de tecnoloxía alimentaria, o control de calidade e a seguridade alimentaria, e aos factores que inciden directamente tanto na saúde e na calidade de vida da cidadanía como na estrutura produtiva e socioeconómica de Galicia.
Ademais, o programa de mestrado debe garantir unha formación avanzada nos seguintes piares básicos:
- Investigación e desenvolvemento de técnicas que nos permitan xestionar e conservar axeitadamente o medio ambiente e os recursos naturais que constitúen a fonte das materias primas.
- Investigación e desenvolvemento de novos procesos e estratexias na produción, procesamento e conservación de alimentos.
- Investigación e desenvolvemento de novas estratexias e procedementos que garantan a calidade e a seguridade alimentaria.
- Investigación e desenvolvemento na relación alimentación-saúde.
Plan de estudos
Saídas profesionais
- Industria agroalimentaria e biotecnoloxía
- Biotecnóloga/o de alimentos: desenvolvemento de novos produtos e procesos utilizando microorganismos ou encimas.
- Técnico/a de industria alimentaria: xestión de procesos de produción, envasado e almacenamento
- Encargado/a de produción e elaboración: control da calidade e seguridade alimentaria no sector lácteo, cárnico, conservas, bebidas etc.
- Responsable de I+D+i: investigación e desenvolvemento de novos alimentos e mellora dos xa existentes.
- Técnico/a de seguridade e calidade: auditorías, análise de alimentos e implantación de sistemas de calidade.
- Eido ambiental e recursos naturais
- Técnico/a en xestión ambiental: consultoría sobre lexislación, avaliación de impacto ambiental e xestión de residuos agrícolas e industriais.
- Especialista en produción ecolóxica e sostible: desenvolvemento de estratexias para unha produción máis limpa e eficiente.
- Xestión de recursos hídricos e do solo: control da contaminación e manexo de residuos para a súa aplicación en agricultura.
- I+D+i, docencia e asesoría
- Investigador/a en centros públicos ou privados.
- Consultoría técnica agroalimentaria: asesoramento a empresas sobre valorización de subprodutos, dixitalización e trazabilidade.
- Analista en laboratorios de servizo alimentario: control analítico de materias primas e produtos finais.
Especialidades
- Ciencias agrarias e alimentarias
- Ciencias ambientais
- Procesos na industria alimentaria
Para que as persoas egresadas poidan obter algunha das tres especialidades ofertadas no título, é necesario cursar un total de oito materias.
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Biotecnoloxía Avanzada
Características
A biotecnoloxía actual inclúe un conxunto de técnicas e tecnoloxías moi sofisticadas que están a substituír as metodoloxías clásicas, favorecendo resultados máis inmediatos e permitindo tratar novos retos impensables ata hai poucas décadas. Hoxe en día requírese profesionais de alta cualificación para poder afrontar os novos retos ante os que se enfronta este sector biotecnolóxico, tanto no ámbito empresarial como no investigador.
A mención de Mestrado universitario excelente da Xunta de Galicia acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento e, por outra, supón unha garantía de futuro para o estudantado.
Acceso e admisión
Licenciaturas e graos:
- Do ámbito experimental: Bioloxía, Bioquímica, Biotecnoloxía, Ciencias Ambientais, Ciencias Mariñas, Química...
- Do ámbito sanitario: Farmacia, Medicina, Veterinaria...
- Do campo da enxeñaría: Agronomía, Química, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Organización de Empresas, Materiais...
Cada solicitude será avaliada en función da seguinte información, que debe acompañar a solicitude de admisión:
- Currículo da persoa solicitante, tendo en conta a cualificación para o ingreso e a súa formación previa (85 %).
- Carta con declaración de intereses, motivacións do alumnado e posibles informes de referencia das súas institucións de orixe (15 %).
- Opcionalmente, realizaranse unha ou máis entrevistas persoais (presencial ou por correo electrónico). A finalidade destas entrevistas é avaliar as cualificacións da persoa solicitante en relación co perfil de admisión, así como a aliñación dos seus intereses coas áreas de investigación dos grupos adscritos ao mestrado. Serán necesarias as entrevistas nos casos nos que a documentación presentada suscite dúbidas sobre algún dos méritos alegados ou no caso de empate entre varios candidatos/as. En todos os casos, teranse en conta as necesidades educativas especiais do alumnado con discapacidade.
Criterios de avaliación do currículo:
- Formación académica (65 % do CV): Establécense como perfís de acceso preferentes os seguintes:
- Graos ou licenciaturas en Biotecnoloxía, Bioloxía, Química, Bioquímica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Farmacia, Medicina, Veterinaria, Ciencias Ambientais, Ciencias Mariñas e Enxeñaría Química ou Agrícola (nota media x 1).
- Graos, licenciaturas e posgraos noutras titulacións (nota media x 0,5).
- Experiencia profesional (15 % do CV): só se considerará a experiencia profesional directamente relacionada co sector da biotecnoloxía. Avaliaranse varios aspectos como o posto, as responsabilidades, a duración do emprego, etc.
- Experiencia investigadora (15 % do CV): analizarase a experiencia investigadora do alumnado, para o que se utilizará o baremo que establecen anualmente tanto a Universidade de Vigo como a Universidade da Coruña nas súas convocatorias de bolsas de investigación.
- Outros méritos (5 % do CV): Consideraranse outros méritos relacionados co mestrado, como premios, cursos de formación, mestrados, asistencia a congresos, bolsas etc.
Perfil de ingreso recomendado
O mestrado pretende ser unha oferta de posgrao de calidade potencialmente útil para os graos ou licenciaturas en Biotecnoloxía, Bioloxía, Química, Bioquímica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Farmacia, Medicina, Química, Veterinaria, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar e Enxeñaría Química ou Agrónoma, así como unha vía para a formación de profesionais e doutores/as entre as persoas tituladas dos devanditos estudos.
Obxectivos xerais da titulación
O obxectivo principal é proporcionar unha formación avanzada, especializada e multidisciplinar en biotecnoloxía, dotando o estudantado das ferramentas necesarias para desenvolver carreiras investigadoras e profesionais. Polo tanto, este mestrado ten un dobre obxectivo:
- Profesionalización: formar estudantes que pretendan dedicarse profesionalmente á industria biotecnolóxica ou actualizar os coñecementos e mellorar a formación de persoas profesionais que xa se dedican a esta actividade.
- Académico-investigador: formar estudantes que pretendan incorporarse a centros de investigación científica en biotecnoloxía ou a equipos de investigación de entidades públicas, privadas e empresas.
Plan de estudos
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Enxeñaría da Automoción
Características
O Mestrado en enxeñaría da automoción da Universidade de Vigo é un título oficial que se imparte desde 2008. Ofrece unha formación especializada e actualizada nun dos sectores máis dinámicos e innovadores da enxeñaría. Deseñado en estreita colaboración con CTAG, Stellantis e CEAGA, este mestrado capacita o alumnado para afrontar os retos tecnolóxicos da automoción moderna, como a electrificación, a automatización, a conectividade e a eficiencia enerxética.
Ao longo do programa, o estudantado adquirirá competencias avanzadas en deseño e desenvolvemento de vehículos, sistemas de propulsión, electrónica do automóbil, simulación e fabricación, combinando formación teórica con proxectos prácticos e unha estreita vinculación coa industria.
O mestrado está orientado tanto a novos titulados/as en enxeñaría como a profesionais que buscan actualizar ou ampliar o seu perfil técnico. Inclúe prácticas en empresa e a posibilidade de desenvolver un traballo fin de mestrado nunha contorna real de I+D.
A participación de profesionais especialistas das empresas e a impartición de sesións nas súas instalacións garante un enfoque práctico do mestrado e a súa continua actualización coas últimas novidades do sector.
Acceso e admisión
As titulacións requiridas para a admisión son por esta orde:
- Enxeñaría Industrial e mestrados no ámbito da enxeñaría industrial
- Graos no ámbito da enxeñaría industrial
- Enxeñaría Técnica Industrial
- Enxeñarías e mestrados noutros ámbitos distintos ao da enxeñaría industrial
- Graos noutros ámbitos da enxeñaría distintos ao da enxeñaría industrial
- Enxeñarías técnicas industriais noutros ámbitos distintos ao da enxeñaría industrial
- Poderán tamén ser admitidas no mestrado candidaturas doutras titulacións se, a criterio da comisión académica, acreditan os coñecementos necesarios para a súa realización.
Cando as persoas prerexistradas superen o número de prazas dispoñibles no programa para a admisión de estudantes, teranse en conta os seguintes criterios de valoración:
- Titulación de acceso (ata 5 puntos)
- Currículo da persoa interesada, que incluirá o seu expediente académico, a súa experiencia laboral e outros méritos que desexe facer constar (ata 5 puntos).
En función dos resultados obtidos na admisión e a criterio da comisión académica, poderase establecer unha puntuación mínima e en caso que se estime necesario, debido á existencia dun empate ou de puntuacións practicamente idénticas, poderá realizarse unha entrevista privado que terá unha valoración de 1 punto.
Obxectivos xerais da titulación
O Mestrado en enxeñaría da automoción ten como obxectivo principal formar profesionais altamente cualificados capaces de afrontar os desafíos actuais e futuros da industria do automóbil.
Para iso, expóñense os seguintes obxectivos específicos:
- Afondar nos coñecementos técnicos avanzados relacionados co deseño, desenvolvemento, fabricación e validación de vehículos e os seus sistemas.
- Fomentar a capacidade de innovación e adaptación tecnolóxica nun sector en constante evolución, impulsado pola electrificación, a automatización e a sustentabilidade.
- Desenvolver competencias no uso de ferramentas e metodoloxías de enxeñería aplicadas ao sector da automoción, como simulación, CAD/CAE, control e electrónica embarcada.
- Impulsar a capacidade de traballo en equipo multidisciplinar, a comunicación efectiva e a toma de decisións técnicas e estratéxicas en contornas colaborativas e internacionais.
- Facilitar a inserción laboral e o contacto directo coa industria, mediante prácticas en empresas do sector, visitas técnicas e participación en proxectos reais de I+D.
- Fomentar o pensamento crítico, a investigación aplicada e a aprendizaxe continua, preparando ao alumnado para asumir responsabilidades técnicas e de xestión dentro do ámbito da enxeñería do automóbil.
- Aumentar ou nivel tecnolóxico nun sector de alta importancia en Vigo e Galicia.
- Incrementar a colaboración entre a universidade e empresas do sector.
Plan de estudos
Saídas profesionais
Os egresados/as poden traballar en áreas como o deseño e desenvolvemento de vehículos, sistemas de propulsión (incluíndo eléctricos e híbridos), enxeñaría de probas, simulación e análise de compoñentes, así como en produción, calidade e xestión de proxectos. Tamén hai oportunidades en empresas provedoras de compoñentes (Tier 1 e Tier 2), consultoras de enxeñería, centros tecnolóxicos e departamentos de I+D de grandes fabricantes. Ademais, o auxe da mobilidade sostible e os vehículos autónomos ampliou as posibilidades cara a campos como a electrónica, o software e a intelixencia artificial aplicada ao automóbil.
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Enxeñaría Industrial
Características
Certas profesións reguladas requiren un nivel de formación superior e, polo tanto, para exercelas requírese un mestrado universitario habilitante. O Mestrado en enxeñaría industrial é un mestrado con acreditación profesional completa como enxeñeiro/a industrial, regulado pola Orde ministerial CIN/311/2009, do 9 de febreiro de 2009, e publicado no (BOE) núm. 42, do 18 de febreiro de 2009.
Acceso e admisión
Ademais dos requisitos xerais de acceso a estudos de mestrado, establécese o requisito de admisión adicional de que todo o alumnado debe acreditar un nivel B1 de inglés ou equivalente para ser admitido no Mestrado en enxeñaría industrial da Universidade de Vigo.
Criterios de admisión
As solicitudes de admisión clasificaranse en tres grupos:
- Grupo 1: tituladas/os no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais pola Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.
- Grupo 2: graduadas/os nas restantes titulacións da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.
- Grupo 3: Outros tituladas/os con titulacións con perfís permitidos pola Orde CIN/311/2009 para acceder ao mestrado, cos complementos de formación correspondentes en cada caso.
Dentro de cada grupo, o alumnado ordenarase segundo a seguinte fórmula:
Nota media do estudante/nota media da súa titulación
As prazas asignaranse segundo esta orde e coas seguintes reservas:
- O 50 % das prazas asignarase ás solicitudes do grupo 1. Se quedan prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 2. De quedar prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 3.
- O 45 % das prazas asignarase ás solicitudes do grupo 2. Se quedan prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 1. Se aínda quedan prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 3.
- O 5 % das prazas asignarase ás solicitudes do grupo 3 xunto cos solicitudes restantes dos grupos 1 e 2 que non obtiveron praza nas cotas anteriores.
Para o establecemento de complementos de formación para o alumnado do grupo 3, terase en conta a súa titulación previa e compararase o seu expediente académico coa formación incluída no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (BOE do 11 de febreiro de 2013). Estes complementos de formación non formarán parte do Mestrado en enxeñaría industrial e consistirán en materias impartidas nalgunha das titulacións que ofrece a Escola de Enxeñaría Industrial.
Obxectivos xerais da titulación
Para obter o título, o estudantado debe demostrar os seguintes resultados de aprendizaxe:
- Ter coñecementos axeitados dos aspectos científicos e tecnolóxicos de: métodos matemáticos, analíticos e numéricos en enxeñaría, enxeñaría eléctrica, enxeñaría enerxética, enxeñaría química, enxeñaría mecánica, mecánica de medios continuos, electrónica industrial, automatización, fabricación, materiais, métodos de xestión cuantitativa, computación industrial, planificación urbana, infraestruturas etc.
- Planificar, calcular e deseñar produtos, procesos, instalacións e plantas.
- Liderar, planificar e supervisar equipos multidisciplinares.
- Realizar investigación, desenvolvemento e innovación en produtos, procesos e métodos.
- Levar a cabo a planificación estratéxica e aplicala a sistemas relacionados coa construción, a produción, a calidade e a xestión ambiental.
- Xestionar técnica e economicamente proxectos, instalacións, plantas, empresas e centros tecnolóxicos.
- Capacidade para desempeñar funcións de dirección xeral, dirección técnica e xestión de proxectos de I+D en plantas, empresas e centros tecnolóxicos.
- Aplicar os coñecementos adquiridos e resolver problemas en contornas novas ou descoñecidas dentro de contextos máis amplos e multidisciplinares.
- Ser capaz de integrar coñecementos e afrontar a complexidade de formular xuízos a partir de información que, aínda que incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos e xuízos.
- Saber comunicar as conclusións (e os coñecementos e razóns subxacentes que as sustentan) a públicos tanto especializados como non especializados dun xeito claro e inequívoco.
- Posuír as habilidades de aprendizaxe que lle permitan continuar estudando de maneira autodirixida ou autónoma.
- Coñecemento, comprensión e capacidade para aplicar a lexislación necesaria no exercicio da profesión de enxeñeiro/a industrial.
Plan de estudos
Preinscrición e matrícula
Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais
Características
O Mestrado de prevención de riscos é un programa interdisciplinario, con base teórica e metodolóxica nos ensinos técnicos, que ten como obxectivo a formación académica e profesional do alumnado como especialista en prevención de riscos laborais.
Dada a escasa implantación da perspectiva dos ensinos sobre seguridade e prevención nas enxeñarías españolas, pretende ofrecer unha formación avanzada e sistemática nos conceptos, teorías e metodoloxías da análise tanto de seguridade en instalacións, normativa, prevención de riscos no traballo pertencentes a diversas disciplinas académicas e ámbitos profesionais.
Cunha orientación académica e profesional, o ciclo permite a obtención do título de Mestrado en prevención de riscos laborais nas tres especialidades:
- Especialista en seguridade do traballo
- Especialista en hixiene industrial/Medicamento do traballo
- Especialista en ergonomía e psicosocioloxia
Acceso e admisión
Terán prioridade para o acceso as persoas tituladas en:
- Enxeñaría Industrial
- Enxeñería de Minas
- Enxeñaría Técnica Industrial
- Enxeñería Técnica de Minas
- Resto de enxeñarías
As persoas solicitantes deberán entregar a seguinte documentación:
- CV relacionado con materias da titulación
- Experiencia relacionada con materias da titulación
Perfil de ingreso recomendado
A titulación ten carácter multidisciplinar polo que é recomendable ter coñecementos en materias técnicas. Pode acceder todo o alumnado que posúa unha titulación universitaria relacionada con:
- Estudos técnicos
- Ciencias experimentais
- Ciencias da saúde
- Ciencias sociais e xurídicas
Obxectivos xerais da titulación
- Formación de técnicos de nivel superior en materia de prevención de riscos laborais para o desenvolvemento das competencias profesionais especificadas no Real decreto 39/1997.
- Formación en xestión da seguridade segundo a Lei 23/1992; Real decreto 2364/1994; Orde do 23 de abril de 1997.
- Conceptos e teorías clave sobre a prevención de riscos laborais.
- Historia da seguridade e a prevención de riscos.
- Revisión das disciplinas tradicionais e as formas de coñecemento en seguridade e a súa aplicación.
- Políticas de seguridade e as súas aplicacións no ámbito laboral, educativo e persoal.
- Aprender diferentes metodoloxías para a avaliación de riscos nos distintos ámbitos da actividade empresarial, e as accións preventivas e correctivas necesarias.
- Comprender os diferentes sistemas de planificación, xestión e avaliación das actividades que debe levar a cabo un servizo de prevención, así como establecer programas de prevención baseados na avaliación de riscos no lugar de traballo.
- Adquirir os coñecementos necesarios para integrar a xestión de riscos laborais no conxunto de funcións clásicas da empresa, co fin de contribuír ao aumento da calidade, a produtividade e á redución dos riscos laborais e o impacto ambiental.
- A finalidade deste curso é preparar técnicos/as superiores en prevención de riscos laborais segundo o establecido no programa xeral incluído polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, Boletín Oficial do Estado do 31 de xaneiro, para o título de experto/a de grao superior, de xeito que o alumnado adquira os coñecementos necesarios para desenvolver os plans e programas establecidos polo devandito decreto, dentro das especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía.
Plan de estudos
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Enerxía e Sustentabilidade
Características
O Mestrado en enerxía e sustentabilidade é un programa interdisciplinar, cunha base teórica e metodolóxica en estudos técnicos, que ten como obxectivo proporcionarlle formación académica e/ou profesional ao alumnado como especialista en enerxía sostible na industria.
O sector enerxético é un dos máis vinculados aos desafíos do desenvolvemento sostible: o crecemento económico, o consumo de enerxía e o impacto ambiental están inextricablemente entrelazados. Polo tanto, é esencial lograr un equilibrio entre tres aspectos: como cultivar máis consumindo menos enerxía e como producir, transformar e consumir enerxía minimizando o impacto ambiental.
Acceso e admisión
Preferiblemente estudos técnicos previos (enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura, arquitectura técnica).
A inscrición do estudantado no mestrado farase valorando o seu expediente académico e currículo e atendendo aos seus méritos.
Para poder valorar axeitadamente o currículo do estudantado que desexe inscribirse no máster, é necesario que nel aparezan de forma clara e detallada os aspectos indicados a continuación:
- Expediente académico (ata 3 puntos)
- Outros cursos relacionados (ata 2 puntos)
- Experiencia profesional relacionada (ata 5 puntos)
Perfil de ingreso recomendado
O estudantado do Máster en enerxía e sustentabilidade debe ter como mínimo coñecementos básicos de:
- Electrotecnia
- Termotecnia
- Química industrial
- Economía industrial
Tamén sería recomendable que dispuxese de coñecementos de mecánica de fluídos, instalacións eléctricas e instalacións térmicas. Por tanto, o perfil de ingreso recomendado é unha enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica, grao nunha titulación relacionada coa enxeñaría ou a enerxía. Tamén, dependendo da especialidade realizada, poden encaixar no perfil recomendado, entre outros, licenciaturas en Ciencias Químicas ou Físicas, ou similares.
Poderá acceder ao mestrado o estudantado que cumpra os requisitos de acceso establecidos no artigo 3 do RD 56/2005, do 21 de xaneiro. As titulacións sen requisitos adicionais de acceso son:
- Enxeñaría Industrial e Mestrado en enxeñaría industrial
- Enxeñaría de Minas
- Grao en Enxeñaría da Enerxía
- Enxeñaría Técnica Industrial
- Grao en Enxeñaría Eléctrica
- Grao en Enxeñaría Mecánica
- Grao en Tecnoloxías Industriais
- Enxeñaría Técnica en Industrias Forestais
A comisión académica poderá valorar outros requisitos ademais da titulación de grao de orixe, como idiomas, outros mestrados ou cursos realizados en enerxía ou medioambiente etc. Así mesmo, a comisión poderá decidir realizar probas de acceso ou entrevistas persoais.
Obxectivos xerais da titulación
O obxectivo deste mestrado é adquirir coñecementos relacionados coa enerxía, abranguendo conceptos como a eficiencia e a certificación enerxética, as enerxías renovables e a implementación de sistemas enerxéticos tanto no sector industrial como no de servizos. O programa ten un forte enfoque práctico, o que permite aos estudantes aplicar os coñecementos adquiridos a proxectos que integran consideracións técnicas, económicas e ambientais.
O programa do mestrado ofrece formación en enerxía e sostibilidade, é dicir, economía enerxética e medio ambiente. Para garantir un programa coherente, estruturouse en catro módulos:
- Avaliación enerxética
- Enerxías renovables
- Avaliación económica, ambiental e enerxética de proxectos
- Sistemas enerxéticos
Plan de estudos
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Enxeñaría Biomédica
Características
Esta titulación busca afianzar e potenciar os estudos do Grao en Enxeñaría Biomédica, achegándolle ao alumnado unha formación de amplo espectro, que responda as necesidades de dispoñer de persoal técnico de alta cualificación para deseñar e aplicar novas e avanzadas tecnoloxías no ámbito sanitario, e completar así unha formación que abrangue todas as etapas e aspectos relacionados coas tecnoloxías e produtos sanitarios.
Impártese en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, cunha parte da formación nas súas instalacións. Este deseño dunha formación dual responde as novas esixencias dunha formación que combine docencia nos centros universitarios coa que cómpre ser desenvolta polas persoas profesionais do sector sanitario, combinando así unha formación técnica-científica e práctica tecnolóxica, cunha formación adecuada nas disciplinas básicas da medicina, que lles permita ás persoas tituladas deste mestrado solucionar calquera problema concreto de enxeñaría que xorda no ámbito sanitario.
Acceso e admisión
Debido ao carácter interdisciplinar do mestrado, é importante que o perfil de ingreso presente unha formación básica característica de calquera enxeñaría: Física, Química, Matemáticas, Estatística, Informática, …
De igual maneira, é importante que tamén presente coñecementos tanto en contidos tecnolóxicos como os relacionados coa parte da ciencia biomédica: fundamentos de electrónica para biomédica, fundamentos de electricidade, sistemas mecánicos, ciencia e enxeñaría de materiais, bioquímica e bioloxía celular, fisioloxía xeral, estrutura e patoloxía médica e estrutura e patoloxía médico-cirúrxica, bioestatística, …
Por tanto, de acordo cos criterios de valoración de méritos establecidos no seguinte apartado, serán admitidos, no seu caso, sen complementos formativos os graduados/as en Enxeñaría Biomédica provenientes de calquera universidade española e estranxeira que se axusten ás características anteriormente indicadas, sempre tomando como referencia o Grao en Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo.
Para o resto de solicitudes en posesión dun grao en Enxeñería Biomédica que cumpran os requisitos de acceso, pero cun perfil que non se axuste ao plan de estudos de referencia, a comisión académica do mestrado, unha vez analizados os plans de estudos, establecerá os complementos formativos que deberán cursar.
As solicitudes de admisión ao Mestrado en enxeñaría biomédica que cumpran as condicións de acceso e os requisitos específicos de admisión serán avaliadas pola comisión académica do mestrado de conformidade coa seguinte fórmula: nota media do expediente do alumnado/nota media do seu grao.
Perfil de ingreso recomendado
O perfil de ingreso recomendado é o do Grao en Enxeñaría Biomédica.
Ademais do anterior, considerarase requisito preferente para a admisión a acreditación do nivel B1 en lingua inglesa.
Obxectivos xerais da titulación
- Formación avanzada e preparación para o desempeño profesional no desenvolvemento e aplicación da enxeñaría biomédica en todas as actividades que o requiran
- Proporcionar coñecementos e habilidades para desenvolver e aplicar ideas orixinais en contextos profesionais e de investigación, formular e resolver problemas complexos, tomar decisións e traballar e comunicarse eficazmente en contornos novos e multidisciplinares dentro do campo da enxeñaría biomédica.
- Proporcionar a capacidade de integrar coñecementos, identificar responsabilidades e implicacións éticas, sociais ou profesionais asociadas a situacións no campo da enxeñaría biomédica, e formular xuízos informados considerando o impacto global, económico, ambiental e social.
- Proporcionar a capacidade de deseñar, modelar matematicamente, simular, implementar e xestionar experimentos, sistemas e procesos complexos no campo da enxeñaría biomédica.
- Proporcionar os coñecementos e as habilidades para o deseño e a análise de sistemas, sensores e técnicas para o diagnóstico, a terapia e a monitorización, a capacidade de aplicar os principios da xeración de radiación, de empregar eficazmente a instrumentación e os métodos de observación, e de analizar e interpretar sinais e imaxes no campo da biomedicina.
- Proporcionar a capacidade para desenvolver modelos biomecánicos do sistema musculoesquelético, coñecementos de enxeñaría de tecidos e capacidades para a análise, manexo e deseño de biomateriais avanzados, capacidade para a análise teórica e a modelización dos aspectos mecánicos dos fluídos biolóxicos e capacidades para a aplicación dos principios da electroquímica no campo biomédico.
- Proporcionar a capacidade para xestionar e auditar o desenvolvemento, a produción e a calidade de produtos sanitarios e a capacidade para identificar necesidades na organización e xestión de servizos de enxeñaría clínica en centros sanitarios.
Plan de estudos
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca
Características
A Universidade de Vigo organiza, xunto coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), a través do seu centro tecnolóxico CYTMA, un mestrado oficial profesionalizante que abrangue todos os aspectos relacionados coa conservación dos produtos da pesca e da acuicultura. O título atende a demanda de persoas tituladas especialistas nun ámbito industrial de notoria importancia na nosa sociedade.
O Mestrado en ciencia e tecnoloxía de conservación de produtos da pesca está deseñado para formar persoas profesionais cualificadas dentro deste ámbito industrial e permitirlle ao sector dotarse de tecnólogos/as especializados na conservación dos produtos do mar e da acuicultura.
Acceso e admisión
Os criterios de valoración para a admisión, no caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas ofertadas, serían:
- Adecuación da titulación de acceso (preferentemente Química, Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, Veterinaria, Bioloxía, Ciencias do Mar, Farmacia e as distintas ramas da enxeñaría)
- Nota media do expediente académico da titulación de acceso
- Experiencia profesional no eido da industria de conservación de produtos do mar
- Currículum vítae e a súa adecuación ao ámbito do título
- Entrevista persoal (se a comisión académica o considera necesario)
Perfil de ingreso recomendado
Persoas cunha titulación universitaria relacionada co ámbito do título, preferentemente Química, Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, Veterinaria, Bioloxía, Ciencias do Mar, Farmacia e as distintas ramas da enxeñaría.
Obxectivos xerais da titulación
Formación de profesionais para a industria alimentaria e particularmente para o sector das conservas e outros produtos derivados da pesca e da acuicultura, considerando tanto as metodoloxías de fabricación, como os aspectos de innovación, calidade e seguridade alimentaria.
Plan de estudos
Saídas profesionais
- Xerente/a ou encargado/a de pequenas industrias alimentarias ou en industrias procesadoras de produtos da pesca e da acuicultura
- Xefe/a de liña ou de produción en industrias alimentarias ou en industrias de elaboración de produtos da pesca e da acuicultura
- Responsable ou técnico/a de calidade en industrias alimentarias ou en industrias de produtos da pesca e da acuicultura
- Responsable ou técnico/a de laboratorio de industrias alimentarias ou de industrias de produtos da pesca e da acuicultura
- Encargado/a de aprovisionamentos da pesca e da acuicultura
- Técnico/a comercial de derivados e de elaborados da pesca e da acuicultura
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Datos de contacto
Máster Universitario en Investigación Química e Química Industrial
Características
Mestrado interuniversitario no que participan as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo. Trátase dun mestrado presencial con posibilidade de matrícula a tempo parcial.
Acceso e admisión
- Titulación prioritaria: licenciatura ou grao en Química
- É run equisito de admisión ter unha formación previa en aspectos básicos das distintas áreas da química
- Expediente académico da titulación de acceso (85 %)
- Méritos curriculares adicionais (10 %)
- Carta de motivación (5 %)
Perfil de ingreso recomendado
Liicenciatura e grao en Química, Bioquímica, Enxeñaría Química, Ciencia de Materiais, Farmacia, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar, Biotecnoloxía, Nanociencias e outras titulacións que inclúan no seu currículum formación en química.
Obxectivos xerais da titulación
O mestrado ten como obxectivo proporcionar unha formación avanzada, teórica e experimental, en distintas áreas da química, e tamén en técnicas instrumentais químicas e biolóxicas.
Plan de estudos
Saídas profesionais
O mestrado está orientado tanto á investigación como á empresa e á industria relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía química.
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Economía Circular
Características
Trátase dunha titulación interuniversitaria desenvolvida conxuntamente polas tres universidades galegas (UVigo, USC e UDC) que comparten a necesidade de impulsar un novo mestrado en economía circular, de acordo coa análise realizada polo proxecto «Galicia 2030: perfís profesionais do futuro e novas titulacións e especializacións».
O obxectivo principal desta titulación é formar persoas que poidan desenvolver actividades no ámbito da sustentabilidade e a economía circular en diversas organizacións, xa sexan públicas ou privadas, empresas comerciais ou sociais, ONG ou outras organizacións que promovan a produción e o consumo baseados en modelos sostibles.
Acceso e admisión
Os criterios de admisión basearanse nos seguintes aspectos:
- Expediente académico: 70 %. O baremo estará baseado na nota media do expediente académico.
- Experiencia profesional contextualizada no ámbito da economía circular: 10%, considerando a antigüidade e o nivel do posto, avalada por cartas de referencia ou certificacións de responsables profesionais e empresariais.
- Formación complementaria: 20 %, dos cales un 10 % para titulacións de grao ou mestrado universitario, adicionais ás que dan acceso ao programa, directamente relacionadas co título; un 5 % para titulacións non oficiais directamente relacionadas co título; e un 5 % para idiomas, particularmente inglés (mínimo nivel MECES B2).
O expediente académico terá un peso máximo do 70 % do total e os outros méritos un peso máximo do 30 % (incluíndo unha entrevista persoal se se considera pertinente).
Perfil de ingreso recomendado
Este mestrado está dirixido a unha ampla variedade de persoas graduadas e profesionais das macro áreas de ciencias sociais e xurídicas, ciencias e enxeñaría e arquitectura, con interese en especializarse no campo da economía circular.
Obxectivos xerais da titulación
- Desenvolver habilidades e coñecementos para liderar e impulsar a transición do modelo lineal ao modelo de economía circular en organizacións e empresas.
- Identificar áreas de acción específicas para o multi#R (redeseño, remanufactura, reparación, redistribución, redución, reutilización, reciclaxe, recuperación) e desenvolver solucións técnicas sostibles nesas áreas.
- Aplicar os principios do ecodeseño ao deseño de produtos e servizos.
- Definir estratexias para a redución e xestión dos residuos da organización e implementar técnicas para o tratamento e a recuperación de materiais e residuos.
- Deseñar e implementar novos modelos de negocio circulares e colaborativos, orientándoos cara á neutralidade climática, incluíndo os coñecementos necesarios para o desenvolvemento dun plan de negocio.
- Aplicar a lexislación ambiental vixente en materia de sustentabilidade e as políticas económicas asociadas no desempeño das súas actividades.
- Comprender as causas básicas dos problemas actuais relacionados coa contaminación.
- Coñecer os novos avances científicos e técnicos que poden axudar a paliar estes problemas.
- Promover o uso de tecnoloxías limpas e fontes de enerxía renovables, así como o desenvolvemento de estratexias eficientes de xestión da auga e a enerxía.
- Promover e difundir os principios, fundamentos e vantaxes da economía circular, así como o compromiso da organización con este novo paradigma e coa economía social.
- Empregar as tecnoloxías da información e a comunicación e as novas tecnoloxías emerxentes para implementar e optimizar modelos de economía circular.
- Aprender diferentes ferramentas para deseñar estratexias políticas a favor da circularidade económica e social.
Plan de estudos
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Enxeñaría de Minas
Características
O Mestrado universitario en enxeñaría de minas habilita para a profesión regulada de enxeñeiro/a de minas. Trátase dunha titulación única no sistema universitario de Galicia.
Formamos o estudantado para que adquira as capacidades e as habilidades necesarias en relación co cálculo, simulación, deseño, xestión, análise e dirección técnica dos procesos tecnolóxicos vinculados á produción, transformación, almacenamento, transporte e uso das materias primas minerais e recursos enerxéticos; todo iso nun marco de sustentabilidade. Concíbese como un proxecto formativo de marcada orientación práctica. Proba disto é a inclusión no plan de estudos da materia Prácticas externas (de carácter obrigatorio), a realización de numerosas visitas a instalacións e procesos tecnolóxicos e a realización de actividades formativas prácticas.
Nesta titulación formamos profesionais altamente cualificados para enfrontarse á resolución de problemas complexos nos ámbitos da enxeñaría de minas. Cabe destacar no plan de estudos o Módulo de simulación numérica en enxeñaría, cuxo obxectivo é formar o estudantado no manexo de ferramentas para enfrontarse á simulación de procesos da enxeñaría de minas.
O mestrado achega a Galicia unha especialización académica e profesional esencial, única, singular e exclusiva desde a educación pública. Este mestrado ten o selo de calidade EUR-ACE, un recoñecemento internacional que acredita a alta calidade das titulacións de enxeñaría, outorgado pola European Network for Accreditation of Engineering Education.
Acceso e admisión
En canto ao procedemento de admisión, este aplicarase ao estudantado que cumpra os requisitos de acceso á titulación. En concreto, identifícanse catro grupos:
- Grupo A
Estudantes en posesión dalgunha das seguintes titulacións:- Grao en Enxeñaría Enerxética e de Recursos Mineiros pola Universidade de Vigo
- Grao en Enxeñaría Enerxética pola Universidade de Vigo.
- Grupo B
Estudantes en posesión dun título universitario vinculado ao exercicio da profesión regulada de enxeñeiro/a técnico de minas (graduado universitario ou enxeñeiro/a técnico de minas de diferentes especialidades expedido por outra universidade do SUE). - Grupo C
Estudantes con titulación universitaria non vinculada ao exercicio da profesión de enxeñeiro/a técnico de minas que cumpran os requisitos de acceso establecidos no punto 4.2.2 da Orde CIN/310/2009. - Grupo D
Estudantado estranxeiro.
Proponse reservar unha cota de prazas para cada grupo, do seguinte xeito:
- Grupo A: 70 % das prazas ofertadas (14 prazas)
- Grupo B: 10 % das prazas ofertadas (2 prazas)
- Grupo C: 10 % das prazas ofertadas (2 prazas)
- Grupo D: 10 % das prazas ofertadas (2 prazas)
Se non se completa a cota dalgún dos grupos, esta poderá cubrirse con estudantes dos outros grupos. A prioridade dentro de cada grupo basearase na media de cualificacións do expediente académico.
Tendo en conta a heteroxeneidade na formación académica previa dos grupos de acceso B, C e D, a comisión académica do mestrado establecerá, en función do currículo académico da persoa solicitante, o currículo académico do Módulo de formación avanzada en tecnoloxías baseado na formación previa acreditada.
No caso de estudantes dos grupos C e D que cumpran os requisitos de acceso, a comisión académica do mestrado establecerá, en función da formación académica impartida, o conxunto de créditos que o estudantado debe cursar como formación complementaria, se é o caso, de xeito que o número máximo de créditos de formación complementaria a cursar sexa de 24 ECTS.
Para o alumnado estranxeiro, a comisión académica, co apoio e asesoramento dos servizos administrativos competentes, co fin de dispor de información relativa ao sistema universitario de orixe, avaliará a realización de formación complementaria.
Obxectivos xerais da titulación
O seu obxectivo é formar profesionais altamente cualificados para tratar a resolución de problemas no campo da enxeñaría mineira. Destaca especialmente a inclusión no currículo do Módulo de simulación numérica en enxeñaría mineira, que ten como obxectivo proporcionarlle ao estudantado as metodoloxías e ferramentas para abordar a simulación numérica de diversos problemas dentro do campo da enxeñaría mineira.
Plan de estudos
Saídas profesionais
As saídas profesionais das persoas egresadas da titulación enmárcanse en tres ámbitos:
Recursos mineiros
- Procura e avaliación de xacementos mineiros
- Deseño de explotacións mineiras
- Estudos de impacto ambiental de explotacións mineiras
- Plans de restauración de explotacións mineiras
- Dirección técnica de explotacións mineiras
- Deseño e dirección técnica de voaduras. Uso de explosivos en calquera aplicación
- Xestión de residuos mineiros, de construción e demolición
- Estabilización, auscultación e drenaxe de noiros, vertedoiros, túneles e obras subterráneas
- Prospección, captación, distribución e utilización de augas subterráneas
- Tecnoloxía e xestión integral da auga
- Depuración e desalinización
Materiais
- Procesos de fabricación de materiais (aceiro, formigón, materiais metálicos, plásticos, vidro, polímeros e novos materiais)
- Procesos de reciclaxe
- Técnicas de conformación e unión
- Xestión da calidade de materiais
Enerxía e combustibles
- Petroquímica e carboquímica
- Xeración, transporte, distribución e utilización de enerxía térmica e eléctrica
- Enerxías renovables: fotovoltaica, solar, hidroeléctrica, xeotermia e eólica
- Centrais térmicas e nucleares
- Aforro, eficiencia e diversificación da enerxía
- Coxeración
- Novas tecnoloxías enerxéticas: almacenamento e hidróxeno
Preinscrición e matrícula
Contacto
Coordinación do título
Máster Universitario en Xestión Sostible da Auga
Características
O Mestrado interuniversitario en xestión sostible da auga forma parte do catálogo G2030 de novas titulacións do sistema universitario de Galicia (SUG), identificadas como esenciais para a formación de futuros perfís profesionais que permitan responder as necesidades e demandas sociais e laborais dos vindeiros anos e situar a sociedade galega nunha mellor posición para afrontar os seus retos futuros.
Acceso e admisión
A comisión académica interuniversitaria (CAI) establecerá os criterios de admisión e poderá considerar a necesidade de realizar formación complementaria, con créditos que irán de 0 a 18 ECTS, que se cursarán simultaneamente e de forma obrigatoria para a obtención do título.
Grupos de acceso: as persoas solicitantes clasificaranse en catro grupos con diferentes niveis de prioridade:
- Grupo A: estudantes con títulos de acceso prioritario, como graos en Enxeñaría Civil, Tecnoloxías da Enxeñaría Civil, Enxeñaría Química Industrial, Ciencias Ambientais, entre outros. Os titulados/as en Ciencias poden ter que completar cursos complementarios (0-18 ECTS).
- Grupo B: estudantes con titulacións relacionadas pero non prioritarias nos campos da enxeñaría ou as ciencias. A formación complementaria establecerase en función da relevancia da titulación para o programa de mestrado.
- Grupo C: estudantes con titulación noutros campos que non sexan enxeñaría ou ciencias. Avaliarase a admisión e determinarase a formación complementaria necesaria.
- Grupo D: estudantes con outras titulacións non relacionadas. Tamén se avaliará a admisión e, se fose necesario, ofrecerase formación complementaria.
Condicións especiais: de acordo co Real decreto 822/2021, reservarase polo menos un 5 % das prazas para estudantes con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %, así como para aqueles con necesidades permanentes de apoio educativo.
Requisitos lingüísticos: deberase acreditar un nivel B1 ou equivalente en inglés.
Avaliación: a comisión avaliará a afinidade da titulación de acceso cos contidos do mestrado e a selección procederá segundo os criterios establecidos para cada grupo.
Obxectivos xerais da titulación
Formar persoas técnicas coñecedoras das últimas tendencias e tecnoloxías e capaces de xestionar e de achegar solucións ao problema da xestión sostible da auga.




